Camiño Xacobeo Miñoto - Ribeiro

Etapa 4: Pazos de Arenteiro - Soutelo de Montes

Pazos de Arenteiro - Soutelo de Montes

Datos:

Lonxitude: 29,60 Km.
Dificultade: Alta
Duración estimada: 6 h. 25 min.
Descargar roteiro: (Kml) Premer aquí.
Preparémonos para unha etapa especialmente longa e esixente, de 29,60 km. Sáennos ao paso pontes, camiños empedrados, calzadas medievais, pequenas e xenuínas aldeas, ata culminar esta etapa en Soutelo de Montes - Forcarei.

Tramo 1: Pazos de Arenteiro - Feás

  • Lonxitude: 11,00 Km.
  • Dificultade: Alta
  • Duración estimada: 2 h. 23 min.
Saímos polo camiño real en dirección ao barrio da Vila na que se atopan varias adegas medievais, continuando por pista asfaltada ata chegar á aldea de Salón cruzando unha ponte de época moderna. Aquí atopamos a chamada Granxa de Salón, de Encomenda de Pazos xunto con outras adegas históricas. Segue o camiño, ascendente e en dirección norte, entre muros e lousado e sobre roca natural, ata a paraxe de Santa Lucía, onde se localizaba a capela do mesmo nome antes de ser trasladada á aldea (hoxe hai un peto de ánimas e os restos dun cruceiro).

O roteiro, despois de chegar á igrexa parroquial de Albarellos, continúa polo camiño real ata as adegas de Tombelo na que se localiza outra adega medieval de Encomenda de Pazos e desde aquí ata a aldea de Lamela e Paredes na que se sitúa a capela de San Lourenzo que acolle no interior a figura dun Santiago Peregrino que estaba enterrado e que apareceu durante as obras de arranxo da mesma. No exterior ten gravada unha cruz e o nome do comendador de Encomenda de Pazos. O camiño segue por pista asfaltada ata chegar á aldea de Vilachá, na que se localiza un castro, para proseguir por pistas de terra e asfalto ata a aldea de Feás, pasando antes pola necrópole tumularia (mámoas) da Bicada.

Tramo 2: Feás - Antas

  • Lonxitude: 4,7 Km.
  • Dificultade: Alta
  • Duración estimada: 1 h. 11 min.
Seguimos, en dirección norte, e por pista asfaltada ata chegar á aldea da Fenteira,  desde a saída deste núcleo, collemos pista de terra en dirección norte que nos leva ata a paraxe coñecida como mámoa do Ouro (á beira do camiño temos unha mámoa*) para logo coller cruzamento á esquerda que nos leva á paraxe da Portela da Chancela e concretamente ata a ponte do Becho (muíño) para proseguir por pista de terra en dirección norte ata chegar á paraxe da Lavandeira onde por pista de terra seguimos parte do tramo chamado Verea Vella que nos leva á aldea das Antas na que se localiza o marco "Mesa dos Bispos", marco diocesano e xurisdicional nomeado na documentación da Idade Media, á beira dun cruzamento de camiños recoñecido (o Padre Sarmiento na súa viaxe noméao) e no que se aprecian as iniciais das diferentes dioceses e xurisdicións gravadas na pedra.


Desde esta aldea de montaña o camiño segue por tramo de pista asfaltada e de terra ata a parte norte da aldea de Antas.

*Mámoas:  Túmulos funerarios característicos do Neolítico.

Tramo 3: Antas - Soutelo de Montes

  • Lonxitude: 13,9 Km.
  • Dificultade: Alta
  • Duración estimada: 3 h. 7 min.
Seguimos o camiño dirección Arnelas e desde alí, por pista asfaltada ata a aldea da Ermida, continuamos por camiño de terra e entre muros ata a aldea de Portela de Lamas, para por tramo de pista asfaltada chegar ao cruzamento coa N-541 e logo duns 350 metros collemos pista de terra á esquerda que con suave descenso chega a Soutelo de Montes, antiga capital da xurisdición de Montes a principios do século XVI e no que se atopan dous cruceiros, un deles con figuras de Santiago Peregrino e San Roque, patrón de Soutelo de Montes.

Galería de fotos:

Documentos:

Ligazóns:

Enderezo
Rúa Otero Novas, 1
32200 Cortegada (Ourense) - Galicia
Email

info@caminominotoribeiro.com

Na nosa web utilízanse cookies propias e de terceiros con finalidade analítica e de márketing. Para continuar navegando é necesario aceptar a política de cookies.
Política de Cookies Aceptar